Monday 29 de April de 2024

Galicia e Santiago de Compostela terán un importante protagonismo na 30ª edición da Ruta BBVA


Turismo de Galicia reafirma así a súa aposta polo fomento do intercambio cultural e polo impulso da internacionalización da cultura galega a través da nosa icona máis universal, o Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Ruta BBVA, Miguel de la Quadra-Salcedo, acompañados polo director do CBC de BBVA en Santiago de Compostela-Senra, Santiago Morente, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, presentaron esta mañá en Santiago de Compostela, a 30ª edición da Ruta BBVA que en 2015 visitará a nosa comunidade.

Galicia e Santiago de Compostela terán así un importante protagonismo na Ruta BBVA do próximo ano que celebra xa a súa trixésima edición: “Aventura no país das esmeraldas”.

Esta ruta única levará a 200 mozos de España, Portugal e toda América a percorrer durante o verán de 2015 España e Colombia, a través dunha experiencia formativa na que os participantes, ademais de ampliar os seus coñecementos, desenvolverán un espírito de cooperación internacional.

A directora de Turismo de Galicia sinalou durante a presentación que a nosa comunidade terá a honra de acoller a estes expedicionarios para que poidan coñecer as tradicións e a cultura do Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións e visitar tamén a capital compostelá. “A Ruta BBVA é unha viaxe que combina a educación en valores, o intercambio cultural e a aventura, aspectos que todos eles se integran á perfección na ruta xacobea”, explicou.

Nava Castro destacou que o Camiño de Santiago é un referente de intercambio e interculturalidad e converteuse nun dos fenómenos máis universais da civilización actual. “O Camiño de Santiago está en pleno auxe e constitúe a icona turística diferencial de Galicia”, sinalou Nava Castro. E engadiu que “constitúe un produto que posiciona á nosa comunidade como marca e destino único no mundo”.

No que vai de ano, Santiago de Compostela recibiu xa máis de 236.000 peregrinos, un aumento en relación ao mesmo período do ano pasado de máis do 10%. O pasado ano o Camiño acolleu peregrinos de máis de 150 países diferentes destacando por exemplo os procedentes de Estados Unidos, Francia, Canadá, Australia, Holanda, Corea, México, Xapón, Sudáfrica, China, Lituania, Filipinas, Israel, Nixeria, Namibia, Cuba, Moldavia, Islandia, Zambia ou Haití. “Isto corrobora o alcance internacional que ten o Camiño, unha ruta en plena actualidade que constitúe un dos nosos elementos desestacionalizadores e captador de turistas internacionais”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

Nava Castro explicou que, a través, do Camiño de Santiago os expedicionarios poderán coñecer de primeira man como as peregrinacións e as viaxes espirituais contribúen ao pluralismo cultural, ao diálogo interrelixioso e ao respecto polas crenzas, así como ao desenvolvemento sostible do turismo, ao tempo que son etapas de busca de paz interior e de harmonía cos demais e a natureza que nos rodea. “A extraordinaria riqueza monumental e paisaxística do Camiño de Santiago namorará os mozos aventureiros, pero ademais, coñeceran un destino que lles sorprenderá pola súa autenticidade, a súa grande oferta turística e cultural e pola súa condición de destino experiencial”, destacou a directora de Turismo de Galicia.

“Co noso apoio e colaboración coa Ruta BBVA, dende Turismo de Galicia continuamos a nosa labor polo fomento do intercambio cultural e polo impulso da internacionalización da cultura galega a través da nosa icona máis universal, o Camiño de Santiago”, concluíu Nava Castro.